lunes, 12 de marzo de 2012

Apócemas e outros conxuros

Esta semana tocou aprender a facer recetas, así que os rapaces estiveron a fabricar as súas apócemas. O que non sabemos é se funcionan, pero case mellor non probar...
Estas son as que saíron gañadoras despois dunha axustada votación:
Poción de veleno
Ingredientes: 
Unha bola de caca de escaravello pelotero, un ollo de cernícalo, sardiñas do ano 1892, un pelo de Juan Sebastián Elcano e veleno de sepia.
Como se fai:
Enchemos unha pota de veleno de sepia. Despois, metemos o resto dos ingredientes, removemos ben e o poñemos a 500 graos centígrados. E xa está feita!
(Alberto Bernárdez)


Poción para facer un mono chiflado
Ingredientes:
3 litros de veleno, 2 litros de aceite, 5 Kg de mosquitos, un rato, 5 litros de sangue podre e quente de araña, 2 kg de tiza negra e 3 peteiros de galiña.
Como se fai:
Cócese todo a 170 graos centígrados. Despois cóllese o mono vivo, claro, e se mete na pota. Despois, cando o mono comece a remexerse, sácase, e así acaba. O mono chiflado queda realmente chiflado.
(Nicolás Nuñez)
Pero, que máis sabemos sobre as meigas? Porque dende logo, habelas, hainas!
  • Meigas-chuchonas: son as máis perigosas, e preséntanse con distintas caras ou caretas, chuchan o sangue aos nenos e róubanlles os untos para seren empregados na confección de pomadas.
  • Asumcordas ou bruxas da rúa: espreitan á xente e vixían quen entra e sae da casa.
  • Marimanta: é a meiga do saco, rouba raparigos e fainos desaparecer.
  • Feiticeira: vive preto dos ríos e regatos, aínda que anciá, o seu aspecto non repele, posúe unha voz moi fermosa que hipnotiza aos mozos que se achegan ao río e fai que se vaian metendo no río, onde ao fin afogan.
  • Lavandeira: esta meiga sorprende ao camiñante pola noite mentres lava a roupa, invitando a este a que colabore. Esta persoa ha de facelo pois pola contra estará exposta a serias desgrazas. O seu aspecto é totalmente común, é como calquera outra anciá diferenciándose porque as pezas que lavan están manchadas de sangue, a consecuencia, segundo se di, dun mal parto. Dise que a lavandera non pertence ao reino dos vivos e o xeito de liberarse dela é pasar de longo sen dirixirlle palabra algunha.
  • Lobismuller: ten que nacer en Noiteboa ou Venres Santo, ou ben ser a sétima ou novena filla dunha familia no que tódolos fillos son mulleres.
  • Vedoira: é esvelta e agradable no trato. Posúe facultades adivinatorias, e son expertas en contactar co alén para dicir se alguén falecido está gozando eternamente no ceo ou se aínda pena no Purgatorio.
  • Cartuxeiras: son meigas que botan as cartas e sempre acertan nos seus vaticinios.
  • Agoreiras: estas meigas avellentan prematuramente, pero viven moitos anos.
  • Dama de castro: esta meiga vive baixo castros milenarios ou baixo terra nun castelo de cristal, leva sempre un longo vestido branco de cola e sempre atende a solicitudes da xente. Xa que goza de benestar e fortuna, ningún tipo de favor serve para recibir dela consellos ou agasallos; ao contrario adoita aparecerse a persoas aflixidas por algunha situación difícil da súa vida, e a esas persoas de condición humilde outorga os seus favores.
  • Xacios: son seres mitolóxicos coa metade inferior dun peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.
Pero tranquilos, que tamén hai formas de protexerse delas. Pero disto falaremos outro día. Que teñades unha terrorífica noite, meus mouchiños. Jejeje.

3 comentarios: